CRTVG

Buscar

Ricardo Fandiño: "O primordial é que os nenos estean nun medio que perciban como estable e seguro"

Publicado o 19/09/2019 12:34

Ricardo Fandiño, psicólogo clínico, e presidente de ASEIA, a Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e a Adolescencia, analizou no Bos días a situación en que están os nenos de Valga que asistiron como seu pai asasinaba a nai, a súa tía e a súa avoa: "Vano pasar mal. Teñen que facer un proceso de dor. É un proceso complexo. Son nenos pequenos. Precisan estar arroupados por familiares. Non diría que é algo do que non se van recuperar, pero é un feito que vai marcar a súa biografía". 

"O primordial é que estean nun medio que perciban como estable e seguro, para que con eses referentes adultos poder ir elaborando toda esta problemática", dixo Ricardo Fandiño.

Ricardo Fandiño, desde o seu coñecemento da realidade dos adolescentes, tratou na entrevista o aumento dos casos de violación cometidos por menores que reflicte a Memoría Anual da Fiscalía, "nos últimos cinco anos, o aumento é constante. Temos que ter en conta que os datos da Fiscalía son de encausamento, e non de feitos cometidos, o que quere dicir que os datos xudiciais teñen un efecto de punta de iceberg, porque non todos os casos se denuncian", asegurou.

"A violencia de xénero e a violencia sexual existe estruturalmente, e a pobación moza non é allea a iso. Son ademais máis vulnerables porque están en desenvolvemento. Tamén estamos nun marco social cambiante, a loita pola igualdade de xénero e de diversidade sexual están máis presentes e visibles, e desde o mundo adulto non estamos sabendo darlles aos máis novos unha referencia de integración desas novas realidades".

"En canto á violencia sexual, podemos distinguir dous tipos, os que agriden persoas da mesma idade, ou maiores, e os que o fan sobre máis pequenos. Estes últimos responden a un perfil de quen foi vítima de violencia ou de abusos. Os que agriden persoas da mesma idade responden a un perfil antisocial, como quen agride en grupo".

"Cando falamos de educación sexual revindicando a súa importancia na escola, tamén temos que pensar que nas carreiras do social, educativo ou sanitario están case ausentes. É necesario que os adultos tamén teñamos formación".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí