CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

Ricardo de Barreiro expón en Santiago unha colección debuxada de "Amores autodidactas"

Publicado o 14/01/2018 21:30

Xa se pode visitar a exposición "Amores autodidactas" de Ricardo de Barreiro no espazo de arte compostelán Os Catro Gatos. 35 pezas pintadas polo artista, e tamén actor, ao longo dos últimos anos. A mostra permanecerá ata o 14 de febreiro.

Unha experiencia para megullarse e deixarse levar por un mar bravío e suxestivo, o do amor, así definen "Amores autodidactas", de Ricardo de Barreiro no espazo artístico compostelán Os Catro Gatos.

Ricardo de Barreiro creador e actor: "É unha colección dos últimos anos, que digamos é un agasallo para todo o que para mín significa o amor: á persoa coa que comparto a vida, pero tamén todas aquelas persoas que durante este camiño vital e profesional estiveron a miña beira".

O polifacético autor destas 35 obras, das que poderemos gozar ata o vindeiro de 14 de febreiro, é, ademais, actor, participou en películas como "El desconocido" e "Celda 211". Pero quedar, di que el queda coa faceta da plástica, porque é máis íntima.

Ricardo de Barreiro: "Eu quédome coa plástica, porque me nutre moitísimo máis, porque aforro moitísimo en psicólogos e en psicólogas e porque tamén eu fago e desfago ao meu xeito, non teño a ninguén que estea dándome ordes e iso é unha labor máis íntima. Eu noto que medro, que iso fai que funcione mellor como actor".

Os seus trazos de bolígrafo, acuarelas e acrílicos inundan de emocións esta pequena sala santiaguesa cal "marea lunática e danzarina que todo o enchoupa, perverte, conmove ou cura", murmuran os anfitrións da mesma.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí