Ribera descarta que a Lei de cambio climático ameace o futuro da planta de Ence
Os traballadores de ENCE concentráronse diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para reclamar que se axilice a convocatoria dunha mesa de traballo sobre o futuro da biofábrica en Pontevedra. Queren estar presentes nas decisións que se tomen e afecten os seus postos de traballo. Mañá reuniranse en Madrid coa ministra de Transición Ecolóxica. Teresa Ribera negou hoxe que a lei de cambio climático ameace a planta de Ence
"Non hai ningunha instalación en Galicia nin en ningún outro sitio do litoral que se vexa afectada pola lei de cambio climático. De feito non hai ningunha que teña ningún problema en Galicia, e traballamos con todas e cada unha das instalacións que tiñan algún tipo de preocupación respecto diso", declarou Ribeira. Respecto á situación de Ence, que paralizou os investimentos de 400 millóns de euros na planta de Pontevedra á espera da sentenza da Audiencia Nacional sobre a legalidade da súa prórroga ata 2073, a vicepresidenta do Goberno cre que se está xerando "unha confusión que non beneficia en absoluto a xente, nin os veciños, nin por suposto os traballadores".
"O mais importante é explicar que non ten nada que ver a lei de cambio climático neste debate", explicou a vicepresidenta. Segundo Ribera, o principal problema da compañía é que ten recorrida a prórroga da concesión anterior e está pendente de resolución, polo que importante é "entender que quere facer Ence nestes anos que ten por diante seguro respecto á concesión vixente".
En canto ao futuro dos empregos da compañía se se produce un eventual traslado da planta, Ribera afirma que estarán "encantados de acompañar" as administracións competentes en calquera plan de xeración ou recuperación de emprego que leven a cabo. A compañía asegurou hai unhas semanas que só investiría en Pontevedra "se pode seguir operando", tras o recurso presentado contra a prórroga concedida ata 2073 polo anterior ministro Miguel Arias Cañete.
Neste sentido, o comité de empresa da compañía tamén deixou claro o seu rexeitamento á nova lei de cambio climático, cuxo artigo 18, segundo os traballadores, limitará a duración das concesións no dominio público marítimo terrestre, obrigando a compañía a marcharse en 2033.
A semana pasada, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, apostou por chegar a un acordo sobre o futuro da planta de Ence na ría de Pontevedra, xa que o Goberno galego "en ningún caso" está de acordo co seu "desmantelamento".