CRTVG

Buscar

Ribeira espera saír axiña do nivel alto de restricións por mor da redución dos contaxios

Publicado o 30/05/2021 14:53

Ribeira vai para mes e medio no nivel alto de restricións, aínda que os últimos datos apuntan a que esta situación podería mudar para mellor nas vindeiras xornadas. A incidencia a catorce días sitúase nos 145 casos por cen mil habitantes, pero a unha semana xa está a 78, uns parámetros propios do nivel medio, malia un pequeno repunte.

"Hai xente que o respecta e xente que non o respecta. Entón se non o respectamos todos, non facemos nada", comenta un veciño. "Agora non se pode fumar nos bares e nas terrazas. Non se pode entrar e se vai frío tes que estar fóra. Imos ver, esperamos que remate pronto", comenta outro.

As prohibicións que implica o nivel alto no que se atopa Ribeira actualmente aprécianse especialmente na hostalería, que só pode prestar servizo nas terrazas, nada de interiores, e coa ocupación da capacidade máxima reducida á metade.

"O comercio está aguantando un pouco máis -comenta a hostaleira Marcelina Carreño- porque están todos abertos. O bar non, porque se tes o cincuenta por cento fóra e tes catro mesas non podes traballar".

No concello ribeirense non hai peche perimetral, pero si lle repercute o do seu veciño, A Pobra do Caramiñal, que permanece confinado, e iso nótase nos desprazamentos.

"Eu teño amigos tanto na Pobra coma en Boiro e fatal. Antón quería ir por aí pero non podo. Falta de ánimo e de ganas, de poder saír dar unha volta", confesa un residente.

Coa comarca da Barbanza en plena redución do número de contaxios, en Ribeira xa só apostan polo alixeiramento das restricións nos vindeiros días.

 

Noticias web

30/05/2021