CRTVG

Buscar

Ribadeo ten moeda propia para impulsar a economía local

Publicado o 28/10/2020 21:49

Estes coloridos billetes son as panchas. Son de curso legal en Ribadeo e ao cambio cos euros achegan importantes beneficios.

"Co teu DNI vas á oficina de Abanca, en Ribadeo, e por 30 euros danche 40 panchas. Recibes un billete de 20, un de dez e dous de 5", sinala Carmen Cruzado de Acisa Ribadeo.

Trátase dunha iniciativa do Concello que busca impulsar, coa súa achega económica, o comercio local pero da que poden beneficiarse tamén os visitantes.

"Dámos aliciente para que a xente compre. En vez de comprar en Amazon que o fagan en Ribadeo. Se alguén é de aquí ou de Foz ou de Lugo ou da Coruña pode mercar máis por menos", explica Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo.

Máis de 120 establecementos sumáronse xa a esta iniciativa. Participan comercios, locais de hostalería e tamén establecementos do sector servizos.

"Eu creo que é unha iniciativa moi boa. Que por 30 euros che dean 40 é un incentivo moi grande para que a xente veña mercar a Ribadeo", sinala Ramón Docobo, propietario dun comercio participante.

A proposta é moi ben acollida na rúa xa que axuda ao comercio ao tempo que repercute no peto dos veciños.

"Paréceme ben para fomentara a actividade comercial de Ribadeo". "Boa medida nos tempos que estamos para axudar o comercio". "Fomenta o gasto aquí e paréceme moi boa idea", din os veciños.

Ata o vindeiro 1 de decembro calquera pode mercar en Ribadeo máis por menos.

Noticias web

28/10/2020