Ribadeo retira as honras a Franco e deixa de ser alcalde honorario

A corporación local de Ribadeo acordou por unanimidade, nunha sesión plenaria ordinaria, deixar sen efecto o acordo do Concello polo que se nomeou alcalde honorario desta localidade da Mariña ao ditador Francisco Franco, no ano 1939.
O alcalde da vila, Fernando Suárez Barcia, explicou, en declaracións aos medios de comunicación, que a recente publicación dun libro sobre A Mariña lembrou que Franco fora nomeado alcalde honorario de Ribadeo no ano 1939.
Despois de confirmar ese extremo mediante a comprobación das propias actas do Concello, precisou o rexedor, o Goberno local tomou a decisión de levar a pleno a retirada dese recoñecemento, en cumprimento da Lei de memoria histórica, que di que as administracións públicas tomarán as medidas oportunas para a retirada, entre outras cousas, de mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva da sublevación militar, da guerra civil e da represión da ditadura.
Ese recoñecemento, precisou o alcalde, era unha "exaltación do ditador" e, polo tanto, debía ser retirado.