Ribadeo, punto de inicio de peregrinación en Galicia da Nai Ven
Ribadeo é o punto de inicio en Galicia da peregrinación Nai Ven, que rememora a visita da Virxe ao Apóstolo Santiago. A talla da Virxe da Inmaculada de Éfeso chegou por mar a este porto lugués e vai percorrer parte de Galicia antes de chegar a Compostela.
A virxe e maila comitiva que a acompaña entraron en Galicia desde Asturias por Ribadeo e en barco, que é a tradición de séculos da peregrinación polo camiño norte.
É a peregrinación da Nai Ven; veñen desde Éfeso, en Turquía, a través de Zaragoza.En Ribadeo esta imaxe da Inmaculada turca irmanouse con outra que teñen os membros do club de mergullo Illa Pancha, e que permanece submerxida no fondo da ría a maior parte do ano.
A peregrinación Nai Ven vai seguir por Mondoñedo a viaxe para chegar a Compostela o día do Apóstol, pero desviaranse a Ferrol para celebrar alí o día da Virxe do Carme.
Despois aínda continuarán ata celebrar o Sagrado Corazón no Cerro dos Ánxeles en Madrid.