CRTVG

Buscar

O Sergas realizará cribados en Xinzo e Ribadavia, que comeza a aplicar medidas máis duras

Publicado o 13/11/2020 18:51

Ribadavia súmase ao paquete de restricións. Non se poderá entrar nin saír do concello sen causa xustificada, prohibidas as actividades non esenciais e pecha tamén a hostalería.

Aseguran dende o comité clínico que houbo unha evolucion importante no número de casos, hai unha incidencia de 39 casos a 14 días nun concello que ten uns 5.000 veciños.

A día de hoxe hai 67 casos activos. Máis da metade deles proveñen de dous focos.

Hai 24 contaxiados arestora na residencia de maiores Nosa Señora dos Anxos e dez alumnos dos distintos centros escolares deste concello.

Cribados en Ribadavia e Xinzo ante o aumento de contaxios

A área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras anunciou a realización dun "cribado selectivo" esta fin de semana nos concellos de Xinzo de Limia e Ribadavia ante o incremento de casos detectados nos últimos días e "a gravidade" dalgúns dos afectados por gromos.

Nun comunicado remitido aos medios, o Sergas confirmou un cribado "aleatorio" entre unha poboación duns 1.600 veciños consistente na recollida de mostras PCR a fin de coñecer "o grao de transmisión comunitaria" e detectar posibles positivos asintomáticos.

Para levar a cabo este operativo, a dirección hospitalaria mobilizará "once enfermeiras" e 17 técnicos que se encargarán da toma de mostras, rexistro e traslado ao servizo de microbioloxía.

En primeiro lugar, os profesionais desprazaranse ás 15:00 horas do sábado ao CEIP 'Alameda' de Ribadavia, onde están citados 613 veciños desta vila.

O domingo terá lugar o outro cribado en Xinzo de Limia, onde foron convocados 1.040 veciños

Noticias web

13/11/2020