Ribadavia asume as restricións no primeiro día laborable sen case actividade
Primeiro día laborable en Ribadavia con confinamento perimetral, peche da actividade non esencial e limitación das reunións ás persoas conviventes.
"Como o estades vendo, moi baleiro e a xente un pouco desanimada, penso eu". "Non hai ninguén, os comercios e os bares todos pechados, e aínda por riba como non pode entrar a xente das aldeas do arredor". "A praza non é a sombra do que era e tiña que ser, eu penso que o 98 por cento está nas nosas mans".
Ribadavia é o último concello da provincia de Ourense que se une ás restricións máis severas para frear o coronavirus.
"Eu penso que si son necesarias e van a dar resultado". "Son medidas que se tomaron noutras cidades e viuse que tiñan un efecto positivo e contamos con que en Ribadavia tamén". "Son optimista e penso que imos saír adiante". "Polo menos estes días foron baixando chegamos a estar en 75 e agora estamos en 58", din na rúa.
Con estes datos, Ribadavia saiu do nivel vermello de incidencia. No cribado aleatorio feito o sábado lograron detectarse tres asintomáticos. Na provincia de Ourense só permanece agora nese nivel 3 Xinzo de Limia. Segue a tendencia descendente en toda a área sanitaria con 812 casos activos hoxe.
Félix Rubial, xerente da Área Sanitaria de Ourense, di que son "a metade dos casos que tiñamos hai un mes, dá mostra da efectividade das medidas tomadas na nosa provincia que nos deixa unha situación de certa tranquilidade no que ao ámbito comunitario respecta, aínda que seguimos tendo unha alta presión na hospitalización convencional e nas camas de UCI".
Con 137 persoas falecidas dende agosto, na provincia de Ourense a letalidade por covid-19 supera xa a da primera vaga.