CRTVG

Buscar

Colleita histórica nas Rías Baixas, que medra nas cinco denominacións de orixe

Publicado o 13/10/2021 15:32

Malia as chuvias de comezos de setembro, que ralentizaron as vendimas, a colleita de uvas en Galicia foi este ano de record. 73.000 toneladas de uva entraron nas adegas galegas o que supón un 21% máis que o pasado ano. Rías Baixas acumula máis da metade do froito recollido, superando os 43 millóns e medio de quilos, é decir, dez millóns máis que na campaña anterior. E cunha recollida con picos que superaron todas as espectativas.

"Batemos cifras récord, con 43,7 millóns de quilos de uva. É unha colleita ampla, é unha colleita que lle permite elaborar un volume necesario agora mesmo de viño para atender as demandas dos mercados, co cal estamos nese equilibrio de satisfactorio por parte das adegas e por parte dos viticultores", apunta Ramón Huidodro, secretario xeral do Consello Regulador D. O. Rías Baixas.

A colleita deste ano vaise materializar en case 30 millóns de litros de viño, grazas a un rendemento de transformación do 0,68 %.

"Efectivamente, este ano foi un ano meteorolóxico máis húmido, polo que a uva estaba máis hidratada. Hai outros anos en que debido á seca do verán a uva entra máis deshidratada e despois a transformación en mosto ou viño é menor", continúa Ramón.

Na Ribeira Sacra superáronse os seis millóns de quilos, malia as treboadas de xuño, unha cifra similar á de Monterrei e algo inferior á de Valdeorras, que chegou a seis millóns e medio de quilos. No Ribeiro as chuvias do verán frearon unha colleita que, aínda así, chegou ás 10.000 toneladas, por riba da media dos últimos anos.

A satisfacción é xeral nas 5 denominacións, medran todas e acadan en termos globais unha colleita que supera os 73 millóns de quilos de uvas, unha repunta dun 20 % con respecto ao ano pasado.

En canto os prezos pagados polas adegas os viticultores, os máis elevados déronse nas Rías Baixas, con ata 2,30 euros por quilo e os máis baixos foron en Monterrei e Valdeorras cunha media de un euro o quilo.

Noticias web

13/10/2021