CRTVG

Buscar

Reyes Maroto: "Galicia non pode desenvolver un pasaporte de vacinas propio"

Publicado o 05/04/2021 14:13
Reyes Maroto: "Galicia non pode desenvolver un pasaporte de vacinas propio"

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, pediu ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que se coordine co Goberno central para non anunciar á poboación medidas que logo non se poden levar a cabo, como un pasaporte de vacinación propio.

Nunha conferencia de prensa en Segovia, a ministra asegurou que este documento non se pode crear a nivel autonómico, senón que ten que desenvolverse para toda España: "Teño que dicir que neste momento non se pode desenvolver, tal e como Galicia establece, un certificado a nivel dunha comunidade autónoma, este certificado tense que facer a nivel nacional", sinalou.

"Estamos afeitos a que o señor Feijóo anuncie cousas pero logo nunca as pon en marcha. É un anuncio que fai como outros que, como digo, anuncia pero non o pon en marcha", sinalou Reyes Maroto, quen se referiu á Lei de saúde galega, contra a que o Consello de Ministros acordou interpoñer un recurso de inconstitucionalidade.

Pediu a ministra "ao señor Feijóo e a todas as comunidades autónomas" que se coordinen co Goberno central, e apuntou que para eses efectos está, non só o Consello Interterritorial de Saúde, senón as conferencias sectoriais.

Maroto chamou a atención sobre o feito de que a semana pasada se celebrou a reunión deste tipo para o sector do turismo, e o conselleiro da Xunta "non expuxo ningún tipo instrumento" coma este.

"Creo que os cidadáns non queren improvisacións", opinou a ministra: "Creo que o ruído non axuda, onde nos temos que coordinar é nos espazos que o Goberno e comunidades autónomas temos, e que calquera anuncio que se faga, por favor, que se faga coordinado".

Iso "para non xerar expectativas á xente de que se poden facer cousas que non se poden levar a cabo, ou ben porque non teñen competencia as comunidades autónomas, ou ben porque vai en contra, no caso da semana pasada, da constitución", sinalou  Maroto.

"Polo tanto, menos improvisación, máis pensar no interese xeral e máis coordinación co Goberno de España, que sen dúbida somos un Goberno que demostramos que sabemos cogobernar e que pensamos sempre no interese xeral", concluíu a ministra.

Reyes Maroto precisou que o Goberno de España está a traballar na creación dun certificado dixital no seo da Unión Europea, o cal se prevé que estea dispoñible para o mes de xuño e contemple non só se o cidadán recibiu a vacina, senón outros datos coma se pasou a enfermidade ou se fixo a proba nas últimas horas.