Rexistro de case 8 horas en Alu Ibérica na Coruña por unha posible fraude na venda
Axentes da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional abandonaron as instalacións de Alu Ibérica na Coruña arredor das 16.30 horas deste xoves tras case oito horas de rexistro.
A policía desenvolveu o operativo pola presunta despatrimonialización fraudulenta das plantas de produción de aluminio da Coruña e Avilés (Asturias), antigamente propiedade de Alcoa, e tamén rexistrou as oficinas en Madrid, Málaga e Castelló cun dispositivo de cen axentes.
A investigación está dirixida polo Xulgado Central de Instrución número 3 da Audiencia Nacional nas súas dilixencias previas declaradas secretas e coordinada pola Fiscalía Especial Contra a Corrupción e a Criminalidade Organizada.
No caso da planta coruñesa, numerosos efectivos entraron á fábrica ao redor das 8.45 horas deste xoves e permaneceron solicitando información ata as 16.30 horas, cando comezaron a abandonar as instalacións en varios vehículos.
Ao longo da xornada houbo algúns furgóns policiais nas portas da fábrica da Coruña, onde os traballadores continúan en folga indefinida polo despedimento dunha traballadora e de catro representantes sindicais.
O presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, pediu a todos os empregados da fábrica a "máxima colaboración"cos axentes na investigación para "que se aclare a verdade" e solicitou "tranquilidade".
Á vez que entraron os efectivos policiais tamén chegou a Inspección de Traballo.
"Estas actuacións eran esperadas en calquera momento, porque sabiamos que a investigación estaba bastante avanzada", indicou Corbacho, que aludiu a "presuntos delitos de estafa".
Así mesmo, reclamou ás Administracións estatal e autonómica o "amparo" nesta situación e a confección "dunha folla de ruta" para atopar unha solución industrial, sen contar coas empresas implicadas en "este engano tremendo".
Tamén se rexistrou un despacho de avogados e dez domicilios e oficinas en Madrid, Málaga e Castelló. Os actuais propietarios, o Grupo Riesgo, non se pronunciou sobre a operación.
Pola súa banda, fontes de Alcoa aseguraron a Efe que cooperaron e colaboraron coas autoridades e lembraron que as plantas da Coruña e Avilés xa non son da súa propiedade, pois foron vendidas en 2019 ao fondo de investimento Parter Capital "nunha venda avalada polo Goberno español e apoiada polos representantes de traballadores".
Catro detidos declararán este venres
A xuíz da Audiencia Nacional María Tardón tomará mañá, venres, declaración os tres detidos (dous en Madrid e un en Málaga) no marco do operativo da Policía Nacional pola presunta despatrimonialización fraudulenta das plantas de produción de aluminio de Alcoa. Segundo informaron este xoves fontes xurídicas, tamén comparecerá unha cuarta persoa detida en Castelló; todos eles declararán por presuntos delitos de estafa agravada, insolvencia punible, apropiación indebida, contra os dereitos dos traballadores e asociación criminal.
A actuación policial estaría relacionada coa querela presentada pola Confederación de Cuadros e Profesionales (CCP) contra Alcoa e outras 18 persoas por supostas irregularidades na venda das plantas da compañía en Avilés e A Coruña que poderían ser constitutivas de alzamento de bens e estafa. Segundo a CCP, que cifra en 688 o número de traballadores empregados nestes centros, Alcoa enganaría aos sindicatos no marco da negociación do despedimento colectivo, iniciado a finais de 2018.
O escrito da querela relata o proceso de venda e conclúe que "os querelados levaron a que a titularidade das dúas factorías termine en mans de empresas pantalla sen capacidade nin para levar a cabo o plan de negocios, nin o do pago dos salarios, nin o do investimento, co que se frustra o obxectivo final da negociación, a salvaguardia dos postos de traballo".