CRTVG

Buscar

A explosión de Tarragona deixa dous mortos e dous feridos graves

Publicado o 15/01/2020 08:58

Os bombeiros localizaron esta mañá entre os cascallos da industria na que se produciu a explosión o cadáver do traballador desaparecido tras a explosión de onte na petroquímica de Tarragona, co que se elevan a dúas as vítimas mortais deste sinistro, que ademais causou feridas a oito persoas, dúas delas moi graves.

Este segundo falecido é, segundo fontes sindicais, o xefe de turno da planta na que se produciu a explosión e posterior incendio e na que naquel momento estaban traballando unhas 25 persoas das 120 coas que conta o cadro de persoal. 

A outra vítima mortal é un veciño do barrio de Torreforta, a uns tres quilómetros do lugar do suceso, que faleceu, segundo as primeiras hipóteses non confirmadas oficialmente, ao derrubarse parte da súa vivenda ao impactar nela un fragmento de prancha que saíu voando co estourido.

Os oito feridos son tamén traballadores da compañía. Un deles está en estado crítico e outro moi grave. Están ingresados na Unidade de Grandes Queimados do Hospital Vall d'Hebron de Barcelona.

Unha trintena de dotacións de Bombeiros da Generalitat continúan na petroquímica remollando a industria e refrescando o exterior do tanque de óxido de etileno no que se desatou o incendio. Por razóns de seguridade as dúas da madrugada suspenderan as tarefas de busca do traballador desaparecido e retomáronas esta mañá ata que finalmente localizaron o cadáver. A explosión é xa a más grave ocorrida na útima década polo número de vítimas.

Pasaban das seis e media da tarde cando unha forte explosión alertaba os veciños no polígono sur de Tarragona. As cámaras de seguridade de comercios próximos captaban o momento exacto do estoupido na empresa Industrias Químicas de Óxido de Etileno. Escoitouse a varios quilómetros de distancia.

Pouco despois da explosión, Protección Civil pedía o confinamento dos veciños das localidades próximas á petroquímica. Era o president catalán, Quim Torra, desprazado á zona cando varios conselleiros, quen informaba contra as oito de que a explosión non causara nube tóxica e que se levantaba o confinamento.

Ás dez da noite, a trintena de dotacións de bombeiros da Generalitat enviados á zona daban o incendio por estabilizado, inda que non controlado. Pasaron a noite traballando para evitar que as lapas se propagasen e controlando a queima do óxido de propileno.

Segundo a Generalitat, a onda expansiva podería provocar o derrubamento parcial dun edificio de cinco plantas na praza García Lorca de Torreforta, onde un veciño morreu e outro tivo que ser atendido por unha crise de ansiedade. A titular do xulgado de instrución número 1 de Tarragona dirixiuse ao lugar tras ter confirmación, por parte dos Mossos d'Esquadra, de que unha persoa morrera ao quedar sepultada no edificio, debido á explosión, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña.

Os bombeiros da Generalitat, que enviaron unha trintena de dotacións á zona petroquímica de La Canonja, lograron conter a forza das lapas dun tanque con óxido de etileno e despregáronse para buscar no interior do recinto ao operario desaparecido.

A explosión orixinou unha gran columna de lume e fume, moi vertical, e provocou un estrondo que fixo tremer o chan na zona da petroquímica e os seus arredores, onde Protección Civil activou a fase de emerxencias do plan de reacción ante os accidentes químicos. Algúns veciños queixáronse de que as sirenas de alarma non soaron, a pesar da importancia desta incidencia, mentres a federación de Industria de CCOO de Cataluña denunciou que o Plan de emerxencias do sector químico, PLASEQCAT, "fallou".

A afectación da explosión non excedeu o perímetro do polígono, polo que Protección Civil non activou as sirenas de alarma, segundo argumentou a Generalitat. O presidente da Generalitat, Quim Torra; o vicepresidente, Pere Aragonès; o conselleiro do Interior, Miquel Buch, e a de Saúde, Alba Vergés, desprazáronse ao edificio do centro de emerxencias 112 de Reus (Tarragona), onde se reuniron cos responsables dos equipos de emerxencia para facer un seguimento do dispositivo. Ao finalizar a reunión, cara ás 21.45 horas, Torra compareceu xunto aos conselleiros ante os medios para lanzar unha mensaxe de calma á poboación, mostrar a súa solidariedade coas vítimas e agradecer o labor dos equipos de emerxencia.

Como medida preventiva, Protección Civil pedira inicialmente o confinamento dos veciños das poboacións de Tarragona, Salou, Vila-seca, Reus, Constantí, El Morell e La Canonja, aínda que cara ás 19:30 horas restrinxírono a La Canonja e Vila-seca, e no resto de localidades só se existían molestias polo fume. O confinamento levantouse minutos despois das 21.30 horas, xa que, segundo o conselleiro do Interior, Miquel Buch, non existiu risco para a saúde dos veciños da zona porque non se orixinou ningún tipo de toxicidade no aire.

Tras a explosión, o Servizo Catalán de Tráfico cortou a circulación pola N-340, entre Vilaseca e Tarragona, a C-31 B, de Vilaseca a Tarragona e en ligazón entre a T-315 e a A-7 en Reus, aínda que se puido restablecer pasadas as 20.10 horas. Paralelamente, Renfe interrompeu a circulación de trens nos tramos que van de Tarragona a Reus e de Tarragona a PortAventura, o que afecta as liñas R13, R14, R15, R16 e R17, así como a RT1 e a RT2, que recuperaron a circulación pouco despois, aínda que con atrasos.

A empresa onde ocorreu a explosión, a única de España que procesa este gas, inaugurou o pasado 4 de xullo a nova planta de óxido de etileno, que se emprega para fabricar polímeros, cunha capacidade para producir un total de 140.000 toneladas ao ano.