CRTVG

Buscar

Rexístrase un tremor de 3'4 en Celanova, o máis grande ata agora

Publicado o 10/08/2019 15:15

Un novo tremor de terra sorprendía esta madrugada os veciños de Celanova. Foi o máis forte que se leva rexistrado ultimamente, de 3'4 graos na escala Richter. Con este, roldan xa a trintena no último mes.

O lugar da Ramallosa foi o epicentro deste último tremor na comarca de Celanova de 3'4 graos de magnitude e rexistrado a escasa profundidade.

 "Os cans puxéronse tolos, un ladrido que non era normal. E despois, ao cabo dun pouco, moveuse a porta da cociña, e unha ventá", comenta unha veciña.

Angelica, alemana que leva 4 anos aquí asentada, fai un rexistro dos tremores no seu blog. Desta vez foi o seu can o que a alertou, ás seis e oito minutos da mañá: "Estaba esperta e sentada onda a miña cama. Foi corto, leve, pero un terremoto".

Desde o 1 de xullo xa se rexistraron unha trintena de tremores nesta zona. O anterior, onte mesmo na Merca: "É un vértice onde están limítrofes os tres concellos: Celanova, Cartelle e a Merca. O de Pereira de Montes foi na Merca, e o desta mañá en Celanova, pero moi preto. E superan xa a trintena nesta temporada", explica o alcalde de Celanova, Antonio Puga.

A explicación xeolóxica está na ubicación destes territorios, unha prolongación da cordilleira cantábrica, que sofre a presión continua da placa euroasiática, segundo expón o catedrático de Xeoloxía da Universidade da Coruña Juan Ramón Vidal Romaní: "A placa euroasiática é unha das grandes placas que hai no mundo e está continuamente presionando contra a placa ibérica que é moi pequena e isto fai que se estea levantando continuamente e que se produzan estes tremores constantes pero de intensidade baixa".

Uns tremores continuos pero, afortunadamente, de escasa intensidade.

Noticias web

10/08/2019