O tremor desta mañá en Celanova eleva a trinta os terremotos rexistrados no último mes
Trinta terremotos en pouco máis dun mes. É o balance sísmico da comarca de Celanova desde o 1 de xullo. Son tremores de pequena intensidade pero moi frecuentes. O último, esta madrugada
Os cans foron os primeiros en avisar: "O meu can espertoume porque estaba nervioso e quería saír da casa", di unha veciña.
O Instituto Xeográfico Nacional rexistrou un terremoto de 3'4 ás 6 e 8 minutos da mañá, con epicentro na Ramallosa. Os veciños dalí, sentiron dous: "Ás catro da mañá ou catro e algo. E outra vez á seis. Empezou outra vez a tremer a porta e máis a ventá".
Foi o de maior magnitude, pero desde o 1 de xullo xa se rexistraron unha trintena na zona. O catedrático de Xeoloxía da Universidade da Coruña, Juan Ramón Vidal Romaní, atribúeo á presión da placa euroasiática: "A placa euroasiática, das máis grandes do mundo, está continuamente presionando contra a ibérica que é pequena. Iso fai que a placa ibérica estea constantemente levantándose e, consecuencia deses levantamentos, son estes tremores".
A maior actividade tense rexistrado na confluencia dos concellos da Merca, Celanova e Cartelle.