CRTVG

Buscar

Rexistran a casa do principal sospeitoso do asasinato do concelleiro Javier Ardines

Publicado o 20/02/2019 21:51

Co rostro oculto baixo a carapucha, Pedro Nieva, o principal sospeitoso e autor intelectual do asasinato do concelleiro de EU de Llanes, Javier Ardines, volveu cruzar a porta da súa casa de vacacións. Non o facía desde que atoparan o cadáver do seu primo político e amigo con quen adoitaba pasar tempo de lecer. Hoxe fíxoo, pero por motivos ben distintos. Presenciou cada paso e cada movemento dos axentes da Garda Civil. Rastrexaron todos os recunchos do salón, da cociña, buscaron nos caixóns e recolleron posibles probas na procura da arma do crime.

Prestáronlle especial atención ao garaxe, onde mediron cada centímetro dos coches e das ferramentas. Dúas horas despois remataba o exhaustivo rexistro e Nieva volvía saír da casa, que está só a 125 metros da vivenda de Ardines, en Belmonte de Pría, onde, despois de seis meses, as conversas volven versar arredor do concelleiro asasinado.

O móbil pasional, os celos de Nieva pola posible relación da súa muller co concelleiro asasinado e estes rexistros están a piques de pechar unha operación que mantén os detidos no cuartel da Garda Civil de Llanes e que, previsiblemente, pasarán a disposición xudicial nas próximas 48 horas.
 
 

Noticias web

20/02/2019