CRTVG

Buscar

Rexeitan que se permita o acceso de mascotas á praia do Piñeirón, en Cabo de Cruz

Publicado o 14/08/2020 14:34

A primeira hora da mañá non hai bañistas no Piñeirón, en Cabo de Cruz, pero avanzado o día é habitual que varias familias da zona pasen aquí, cos nenos, unha xornada de praia. Esa é a principal alegación dos veciños contra a decisión inicial do Concello de Boiro de permitir o acceso de mascotas a este pequeno areal, a calquera hora do día. Algúns veciños aseguran que non pode permitirse e quéixanse de que os excrementos queden na area, e esixen que se rectifique esta medida.

Este cambio da normativa sométese agora a exposición pública para recibir alegacións e, segundo fontes do Concello, hai moitas máis das que esperaban, polo que non descartan estudar outras alternativas. O certo é que en todo o concello de Boiro está prohibido levar cans á praia entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, a ningunha hora, aínda que a maior parte da xente descoñece esa normativa e vai coas súas mascotas a primeira ou última hora do día. Algúns deles din que non molestan a ninguén a esa hora.

Atopar un equilibrio entre o goce da praia de persoas e animais é, polo tanto, o obxectivo, e semella que uns e outros coinciden en cal pode ser a solución, poñer un horario para todos os areais do municipio.

Ata o 15 de setembro pódense presentar alegacións, e despois será cando tomen a decisión definitiva.

Noticias web

14/08/2020