CRTVG

Buscar

Rexeitada a petición para que Sánchez fale no Congreso sobre o rei Xoán Carlos

Publicado o 21/08/2020 17:52
Rexeitada a petición para que Sánchez fale no Congreso sobre o rei Xoán Carlos

A petición de ERC, EH Bildu, BNG, JxCat e a CUP para que o presidente do Goberno acuda ao Congreso para informar sobre o plan do rei emérito de saír de España foi rexeitada, xa que é un asunto alleo ao Executivo. Así o acordou a Mesa ao cualificar a petición que neste sentido rexistraron estes partidos.

En realidade, presentaron dúas peticións nada máis coñecer que don Xoán Carlos tiña previsto residir fóra de España nun contexto no que se lle pode abrir unha investigación por unha serie de presuntas irregularidades financeiras e fiscais. O obxectivo era coñecer que información tiña o Goberno respecto diso e saber se apoiou o que tachan de "operación de fuxida". Unha petición dirixiuse a unha posible comparecencia do presidente Pedro Sánchez e a outra á da vicepresidenta primeira, Carmen Calvo. En ambos os casos nun pleno extraordinario da Cámara. 

Para que ese pleno tivese lugar, en cumprimento do regulamento do Congreso, os grupos independentistas solicitaron a convocatoria da Deputación Permanente e a inclusión na súa orde do día dos debates das dúas peticións. Debates que non terán lugar porque a Mesa argumentou que son de "unha materia allea á competencia" do Goberno, é dicir, da Xefatura do Estado. 

Coñecida a decisión da Mesa, ERC divulgou un vídeo da portavoz adxunta do grupo no Congreso, Carolina Telechea, no que critica que "unha vez máis o Réxime" de 1978 "impida que os cidadáns coñezan as corruptelas da Casa Real". Engade que este novo "veto", que se suma aos das peticións de comisións de investigación sobre as actividades da monarquía, incide na "opacidade" dos partidos que integran ese "Réxime do 78". E ERC quere rompelo, dixo Telechea, para favorecer a creación da "República catalá".