CRTVG

Buscar

Revelan na Coruña os segredos dixitais de 'Juego de tronos'

Publicado o 14/07/2019 14:33

A décimo oitava edición do Congreso Internacional Mundos Dixitais trouxo ata Coruña os segredos da posprodución dixital de 'Xogo de tronos'. O maior encontro de creación dixital de España, incluíu a segunda Feira de Emprego máis importante deste sector en Europa.

"Entramos cando xa a rodaxe pecha e se van". "Dende quen poida crear esa explosión, ata quen a poida iluminar, ata quen a poida integrar no plano... Digamos que todo isto é un proceso e un equipo bastante grande", explican os supervisores de efectos visuais de El Ranchito, David Ramos e Javier Roca.

Responsables das producións internacionais máis importantes a nivel mundial como NETFLIX, HBO ou Paramount Pictures Animation, nos ámbitos da animación, os efectos visuais e os vídeoxogos déronse cita, na Coruña, na décimo oitava edición do Congreso Internacional Mundos Dixitais. Entre eles o equipo que fixo parte da posprodución dixital de 'Juego de tronos', un grupo de profesionais no que se poden xuntar un arquitecto e un programador, para facer un traballo creativo moi estrito e cuns prazos de tempo rigorosos. Un traballo mesmo imprescindible.

"A serie sen os efectos visuais, agora mesmo, hai algúns planos que non poderían visualizarse. Na última tempada realmente foron imprescindibles. É un traballo creativo, intenso. Hai que intentar planificar e dimensionar dunha manerira moi correta, hai que estar moi concentrado", sinala Marga Villalonga, xefa de Produción de El Ranchito.

"É estrito. Realmente os tempos de produción son moi curtos, as cousas son complicadas de facer e temos que ser bastante organizados. Hai incluso arquitectos, programadores ou topógrafos, por exemplo, e tamén moita xente moi artística, pode haber xente que ven de Belas Artes ou, simplemente, que son artistas... E logo, realmente o que fai falta é paixón! Logo hai moita xente que pode vir de estudar dereito ou de estudar mecánica de reactores e acaba facendo isto, porque no fondo é moi bonito e está moi ben", remata David Ramos.

Mil cincocentos profesionais participaron no que é xa o maior encontro de creación dixital de España, que incluíu a segunda Feira de Emprego máis importante do sector en Europa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/07/2019