O 70 % do persoal esencial de Galicia recibiu a vacina; nas últimas 24 horas púxeronse 3.000 doses
Hoxe retomouse en Galicia a vacinación con AstraZeneca. Nesta xornada puxéronse preto de 3.000 doses e no Sergas indican que o 70 % do persoal esencial de Galicia xa recibiu a vacina da covid−19.
Hospitais de toda Galicia retomaron este mércores a vacinación con AstraZeneca. Recibiu hoxe a vacina o persoal dos colectivos esenciais: policias, bombeiros ou persoal educativo acudiron á cita unha vez que a Axencia Europea do Medicamento aclarase que non existe vínculo causal entre a AstraZeneca e a aparición de trombos.
De momento, o Sergas seguirá utilizando as doses de AstraZeneca para inmunizar os grupos esenciais menores de 55 anos. Despois, pouco a pouco, comezarán a chamar tamén os traballadores esenciais de 55 a 65 anos.
"Ilusionados, retomamos a vacinación con AstraZeneca no momento en que a deixamos e coa mesma xente que tiñamos citada aquel 15 de marzo", di Josefa Rodríguez, coordinadora da vacinación contra a covid−19 en Ourense.
Luís é un dos traballadores esenciais ao que lle anularon a cita cando se interrompeu a vacinación con AstraZeneca. Hoxe si, recibiu a primeira dose, tranquilo porque pensa, di, que temos máis probabilidades de contaxiarnos coa covid−19 que de ter algún efecto secundario grave.
Gardas civís e persoal das garderías son os colectivos que reciben hoxe no CHUO a vacina. Retómase nas sete áreas sanitarias de Galicia tras a aclaración da Axencia Europea do Medicamento de que non existe vínculo causal entre a AstraZeneca e a aparición de trombos.
Para a coordinadora da vacinación contra a covid−19 en Ourense, isto foi unha proba de que o sistema sanitario funciona. Pouco a pouco comezarán a chamar tamén os traballadores esenciais maiores de 55 anos.