CRTVG

Buscar

Os mergulladores retoman a busca do home que caeu ao río Tambre

Publicado o 12/12/2019 13:42

Tres mergulladores do grupo de especialistas da Garda Civil e outros dous pertencentes á unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta retomaron o rastrexo do Tambre pasadas as dez. Acompañados pola beira do río de efectivos de Protección Civil de Santiago empezaron a inspeccionar desde unha zona próxima á ponte de Sigüeiro.

Desde algo máis arriba onda a área de lecer do Refuxio, foi onde testemuñas viron o corpo dun home arrastrado pola auga pasadas as dez da mañá deste mércores. Desde ese momento despregouse un gran dispositivo de busca que se prolongou durante toda a a xornada de onte.

O caudal do río, grande e atoldado, constitúe un atranco importante para que os especialistas en actividades subacuáticas desenvolvan a súa tarefa con eficiencia. O obxectivo de encontrar o home desaparecido, supostamente; un septuaxenario veciño de Sigüeiro, semella máis difícil de conseguir ante a previsión de chuvia intensa.

O dispositivo de busca de onte incluíu á tarde a utilización de drons e un vehículo anfibio da Axencia Galega de Emerxencias, mentres as condicións lumínicas posibilitaban a observación do cauce e beiras do Tambre.

Os mergulladores revisaban con maior dedicación aquelas zonas en que o discorrer do río, vexetación o os restos acumulados pola enchente poderían favorecer que un corpo estivese atrapado.

Está previsto que o rastrexo continúe mentres as condicións o permitan.

 

Noticias web

12/12/2019