Retómanse os velorios para que as familias poidan despedir os seus
Os cambios que achega a fase 1 permiten reabrir de novo os tanatorios. Dende o pasado 30 de marzo quedaran prohibidos os velorios, tanto en instalacións públicas como privadas, para evitar contaxios, pero agora abren de novo para que as familias poidan velar os seus. Agora poderán concentrarse aquí ata dez persoas e nos enterros un máximo de 15.
Aquí toman tamén as súas particulares medidas de protección e sinalización para que se respecte o distanciamento social. As comitivas fúnebres estarán formadas só polos máis achegados, pero este avance supón un grande alivio aos familiares que non podían despedirse dos seus seres queridos.
Prevese que con cada fase se vaia ampliando o número de persoas que poderán participar neste tipo de cerimonias, pero sempre respectando os protocolos de seguridade e de distanciamento social.