CRTVG

Buscar

Retómanse as clases presenciais nas escolas de idiomas e nos conservatorios

Publicado o 22/02/2021 14:38

Os conservatorios profesionais de danza retoman as clases de xeito presencial. O alumnado desta disciplina ansiaba volver ás clases dado as dificultades da modalidade en liña. Agora, respectando a distancia de seguridade e usando a máscara poden volver de novo ao traballo e ás coreografías en equipo.

"Podemos incorporarnos ás clases presenciais, cousa que é moi importante para o noso alumnado porque a práctica da danza na casa era complicada. O alumnado necesita espazo, un chan determinado para realizar os exercicios", sinala Raquel González, directora do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

Retoman tamén a actividade nos conservatorios profesionais de música, pero co algunha limitación. Clases coma esta de fagot e outros instrumentos de vento seguirán sendo en liña, dado que requiren non usar a máscara ao igual que acontece coas clases de canto.

"O regreso soamente é das especialidades que non son de vento ou actividades que non impliquen exercicios de canto. Todas as especialidades de piano, corda, percusión, etc. si que poden regresar", explica Daniel Borja Durán, director do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo.

A presencialidade volveu tamén ás escolas oficiais de idiomas. En aulas ventiladas e con distancia e máscara retoman as rutinas que foran adaptando á enseñanza en liña.

"Traballabamos cun horario espello, exactamento o mesmo horario e un mínimo do 60 % tiña que ser de xeito síncrono, ao mesmo tempo que a clase", sinala Fernando Vázquez, director da Escola Oficial de Idiomas de Lugo.

Os que deberán agardar ata o un de marzo son os alumnos das universidades, aínda que si están abertas as súas bibliotecas.

Noticias web

22/02/2021