Retómanse as catas de viño, con novos protocolos de seguridade
A normalidade regresa aos poucos ao mundo do viño. Os técnicos da denominación Rías Baixas retoman as visitas ás adegas e tamén as catas de control, pero con algunhas diferenzas.
Os técnicos da denominación de orixe Rías Baixas volveron ao traballo presencial con atención directa aos adegueiros e viticultores. Pero fano cun novo protocolo de seguridade para previr contaxios. Visitan as adegas con cita previa para recoller as mostras de viño, levalas a analizar e catalas despois aquí, na sede do Consello Regulador.
Unha cata de control na que os expertos teñen que vir por quendas, con máscara e sen reunión final. Iso si, o obxectivo segue a ser o mesmo, determinar que os caldos teñen a calidade e as características que definen un Rías Baixas.
Para que un viño poida lucir esta etiqueta ten que dar a talla na viña, na adega, no laboratorio e no padal destes expertos catadores.
Visitan as adegas con cita previa e e só interactúan cunha persoa para retirar as mostras. As botellas desinféctanse varias veces e o panel de cata divídese en quendas para asegurar a separación entre postos. Retoman os controis con bo ritmo, xa que é preciso que as adegas embotellen o viño que quedou sen vender por culpa da pandemia.
Remata a sesión sen detectar fallos graves nas mostras. Algo habitual cando toca examinar uns viños situados entre os mellores do mercado internacional.