Os axentes describen como acartonadas as maletas impregnadas de cocaína
Cuarta e penúltima xornada do xuízo que se celebra en Vigo contra unha presunta banda criminal acusada de introducir cocaína no noso país impregnada en maletas, bolsos e, posteriormente, a través de mensaxería. Os nove acusados desta trama escoitaron esta mañá os testemuños dos oito policías que por videoconferencia relataron os momentos previos e posteriores á súa detención.
Por exemplo, a do seu líder, Álvaro Menéndez, cando ía coller un autobús en Barcelona con destino a Madrid, para o que piden once anos de cadea e unha multa dun millón de euros. Tamén que as maletas incautadas, así como os bolsos de man, tiñan unha textura inusual, tipo acartonada. Asemade, confirmaron que outro dos acusados, o suposto químico encargado de extraer a droga nun local de Madrid, contaba cun laboratorio no soto onde traballaba no que atoparon sosa caústica, pequenas cantidades de droga, teléfonos móbiles e varias fórmulas químicas anotadas nun papel.
Para todos eles piden penas de prisión que van dos once aos seis anos e medio de cadea. Tamén multas económicas que van dos 62.000 euros a un millón. Este martes o xuízo quedará visto para sentenza.