CRTVG

Buscar

Continúa a busca do mariñeiro desaparecido onte en Ons ao envorcar a súa embarcación

Publicado o 12/02/2020 10:36

O operativo de busca coordinado por Salvamento Marítimo retomouse esta mañá á procura do mariñeiro desaparecido onte nas inmediacións da illa de Ons. Dende primeira hora da mañá, o helicóptero Pesca I sobrevoa a zona do sinistro. Xunto a el, varias embarcacións realizan as accións de busca por mar e diversas unidades móbiles desprazáronse ata a praia da Lanzada e a súa contorna para colaborar neste cometido.

Ademais, un grupo de mergulladores voluntarios, formado por achegados dos mariñeiros afectados polo naufraxio, está na zona axudando o operativo. A eles únese o Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil (GEAS).

O sinistro produciuse onte á mañá, ao norte da illa de Ons, cando envorcou a embarcación en que navegaban tres bateeiros que ían ao mexillón. Dous dos ocupantes da lancha conseguiron alcanzar o illote do Centulo e correron en busca de axuda en canto pisaron terra. Tras ser localizados polos servizos de emerxencias, foron trasladados nunha embarcación da Garda Civil ata o porto de Portonovo.

Polo de agora, o operativo que busca o terceiro tripulante da planadora Rosa continúa en marcha e farao ata que rematen as horas de luz do día. Se ata o momento non hai novidades sobre a localización do desaparecido, activarase de novo a primeira hora de mañá.

Trátase do segundo naufraxio nesta mesma zona en menos de tres días, despois de que o domingo pasado falecera un mariñeiro do Grove a bordo dunha embarcación durante os labores de pesca.

 

Noticias web

12/02/2020