Retoman a busca do coruñés Fernando Cuadrado trinta anos despois
Son moitas as incógnitas que rodearon desde o comezo a inesperada desaparición do doutor Fernando Cuadrado, de 49 anos e xefe de rehabilitación do hospital Juan Canalejo, hoxe CHUAC.
"Os nenos eran moi pequeniños. Chocou bastante, si. Eu coñecía os fillos e mais a muller. Pero non saben nada e nunca máis se volveu a falar diso", di unha veciña do barrio.
Desde unha fuxida voluntaria ata un secuestro. Unha infinidade de hipóteses que barallaron, sen éxito, os investigadores. Porén, a falta de probas non fixo que as forzas de seguridade se esquecesen deste suceso.
Hai varios meses, a Unidade de Delincuencia Especializada e Violencia da Policía Nacional reabriu o caso e a policía tomou mostras de ADN aos seus familiares directos para agregalas a unha base de datos por se houbese coincidencias.
"A xente quere que se saiba, pero iso é moi difícil. A min paréceme ben que reabrisen o caso, xa o tiñan que facer antes. Eu creo que hai que buscar a xente e os fillos tamén o queren saber", engade.
Agora, trinta anos despois, todos manteñen a esperanza e agardan poder descubrir que foi o que pasou aquela tarde do 29 de decembro de 1990.