CRTVG

Buscar

Retiro galego para un can policía que traballou no caso Alvia

Publicado o 28/09/2017 15:27

Un can policía que participou na busca de Marta del Castillo ou no tráxico accidente do Alvia en Santiago acaba de ser adoptado por unha familia de Pontevedra. Ten once anos e despois de dez de intenso traballo parece que se adapta á vida de xubilado no campo.

Brus é un draco alemán que traballou durante unha década como can policía, sobre todo na busca de restos humanos, en que é especialista. Xubilouse o ano pasado e desde o luns vive en Salceda, Pontevedra, coa súa familia de adopción. Marta Martínez e seu home decidiron acollelo nada máis coñecer a súa historia.

"cando oimos que traballara na busca de Marta del Castllo, dos nenos de Córdoba... e en canto escoitei que participara nos traballos do drama do Alvia en Santiago tocoume a fibra sensible e dixen, ten que ser noso", conta Marta Martínez.

Había moitas solicitudes e a organización que levaba a adopción, Heroes de 4 patas, tardou un ano en seleccionalos a eles. Marta Martínez, o seu home e o fillo da parella, de tres anos, foron recollelo a Madrid a pasada fin de semana. Leva catro días con eles e co resto da familia e xa é un máis.
"E que é un amos, podes estar todo o día agarimando nel e déixase. Encántalle."O primeiro que fixo foi subir ao sofá e agora xa me quitou o sitio", engade.

O policía que o adestrou está en contacto permanente coa familia por se hai algún problema de adaptación, pero de momento parece que Brus se afai sen problemas á vida no campo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/09/2017