CRTVG

Buscar

Retíranlle as armas ao cazador que disparou e arrastrou a súa cadela

Publicado o 02/12/2019 20:59

Atada cunha corda polo pescozo, o dono dunha cadela de Chantada arrástraa varios metros polo chan. E todo iso despois de disparalle. A agresión foi gravada por unha parella que pasaba pola zona. "Pregunteille que ía facer co can. Díxome que o levaba para a casa e eu díxenlle que non llo ía permitir.".  Conseguiron que o dono, un cazador de Chantada parase de mallar na cadela e grazas a estas imaxes, que xa se fixeron virais, a Garda Civil identificou ao agresor. Xa lle retiraron as armas e tamén o permiso de caza. A cadela permanece nun hospital veterinario de Lugo en estado grave. Mario González foi o primeiro en atendela. "Hai moito maltrato, a lei está pero déixase pasar". 

Desde a Federación de Caza anuncian que se van querelar contra o autor desta agresión. "Amosamos o rexeitamento total ante estes feitos, sen paliativos", di Luis Fidalgo, vicepresidente da Federación Galega. Varias organizacións animalistas tamén se van personar na causa. "Pedimos xustiza e que esto non quede impune", afirma Noelia Rodríguez, da Asociación Axuda Alimentaria Animalista de Lugo. O autor desta agresión podería enfrontarse a penas de ata un ano de prisión e 30.000 euros de multa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/12/2019