CRTVG

Buscar

Retíranlle a custodia a un pai por deixar o seu fillo regularmente cos seus avós

Publicado o 22/05/2019 16:54

Unha sentenza da Audiencia Provincial da Coruña retirou a custodia a un pai por deixar regularmente o seu fillo ao coidado dos avós. O tribunal argumenta que as funcións que legalmente corresponden ao proxenitor son de obrigado cumprimento e outorga á nai a custodia en exclusiva.

Despois do divorcio, os pais pactaron un réxime de garda e custodia compartida do seu fillo. Dous anos despois, a nai acudiu aos tribunais para pedir que se retirase a custodia ao seu ex-marido, xa que, nas quendas en que lle tocaba o coidado do neno, deixábao permanentemente cos avós. 

Ana Camiño, avogada: "Non é que estea penalizado que os avós se fagan cargo dos netos. Ollo, eh! Aquí o que estamos falando é que o pai que tiña a custodia e tiña a obriga de exercela non o estaba cumprindo. Entón o xuíz considerou que, se ti non cumpres con esas obrigas, non ten sentido que teñas unha custodia que non vas exercer. En favor do menor, evidentemente. Sempre é en favor do menor e en interese do menor".

Segundo datos do Imserso, tres de cada catro avós dedican parte do seu día ao coidado dos netos. Con todo, nalgúns casos a xustiza comezou a penalizar os pais que abusan desta axuda, en especial cando considera que os proxenitores se desentenden dos seus fillos.

Noticias web

22/05/2019