CRTVG

Buscar

Retiran do mercado produtos dunha queixería de Taboada por "incumprimentos graves" na fabricación

Publicado o 12/02/2020 13:17
Retiran do mercado produtos dunha queixería de Taboada por "incumprimentos graves" na fabricación

A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) comunicou que foi informada pola Xunta de Galicia, "a través do Sistema Coordinado de Intercambio Rápido de Información (SCIRI)" de que se detectaron no proceso de fabricación de produtos lácteos na industria Casa Macán, en Taboada (Lugo), "incumprimentos graves que non poden garantir a seguridade dos produtos elaborados".

Por iso, a propia axencia comunicou que "estes produtos están a ser retirados das canles de comercialización desde o inicio da notificación de alerta", así como que "non se confirmou en España ningún caso asociado a ela".

En todo caso, "recoméndalles ás persoas que teñan no seu domicilio os produtos incluídos nesta alerta" que "se absteñan de consumilos e os devolvan ao punto de compra".

"Como consecuencia desta actuación, as autoridades competentes de Galicia suspenderon preventivamente todas as actividades da industria e ordenaron a retirada de todos os produtos elaborados", engade, dado que están afectados pola alerta todos os lotes de manteiga cocida de vaca e queixos da marca das denominacións de orixe Arzúa-Ulloa e Tetilla. Tamén está incluído o queixo de barra Costeño e o queixo galego en liscos.

"Segundo a información dispoñible ata o momento", precisa a axencia, "os produtos foron distribuídos ás comunidades autónomas de Galicia, Cataluña e Castela-A Mancha".

Esta información foi trasladada pola AESAN a todas as comunidades autónomas a través do SCIRI, co obxecto de que continúe a retirada dos produtos afectados das canles de comercialización.