CRTVG

Buscar

Retiran a furgoneta accidentada nun acantilado do Vicedo

Publicado o 08/05/2019 14:17

En Punta Moreiras, no concello mariñao do Vicedo, iniciaron os traballos para rescatar un furgón que caera por un cantil de máis de cen metros de altura. O vehículo fora descuberto de maneira fortuíta hai case tres semanas sen ninguén no seu interior, segundo puideron comprobar os efectivos do helicóptero do Servizo de Gardacostas Pesca 2. Logo soubérase que fora arrendado por un veciño da localidade catalá de Reus que se encontraba en paradoiro descoñecido.

Jesús Manuel Martínez, membro de Protección Civil do Vicedo: "Vaise organizar para o día 19 unha carreira de montaña e pasa por aquí. Os organizadores estaban limpando un pouco a zona e foi cando viron o vehículo abaixo. Saíu por aí e arrincou o gardarraíl, un cartel da Deputación, unha árbore e chegou abaixo. Dende aí todo son cábalas econxecturas. Non se sabe exactamente nin cando caeu nin nada".

Os labores para rescatar o vehículo, encargados pola aseguradora, comezaron con mal pé. O guindastre contratado non tiña longura dabondo para chegar ata o furgón, mentres que o terreo corría o risco de afundirse.

Jesús Manuel Martínez, membro de Protección Civil do Vicedo: "Hoxe trátase de retirar o furgón, que aí non poderá quedar. Pero polo visto teñen dificultades técnicas coa altura do cantil ou co chan onde está colocado o guindastre. Non chegan a coller o vehículo abaixo."

Para a instalación do guindastre foi preciso cortar ao tráfico un carril da estrada que une Viveiro co Vicedo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/05/2019