CRTVG

Buscar

Retiran a estatua de Franco de Melilla, a última que quedaba en España

Publicado o 23/02/2021 19:46


A Cidade Autónoma de Melilla retirou a primeira hora da tarde deste martes a estatua de Franco, a última que quedaba do ditador nunha vía pública en España, un día despois de que a retirada fora aprobada polo pleno da Asemblea melillense.

A retirada da estatua da vía pública levouse a cabo sen aviso aviso, e os traballos prolongáronse durante máis dunha hora ante un forte despregamento policial e unha grande expectación, pois algunhas persoas que se decataron acudiron á zona para inmortalizar o momento coas súas cámaras e teléfonos móbiles.

A iniciativa contou co apoio dos tres partidos que conforman o Goberno local (CPM, PSOE e Cs) e o deputado non adscrito e expresidente de Vox, Jesús Delgado, mentres o PP abstívose e Vox votou en contra.

Varios operarios aseguraron a estatua cun arnés colgado dun guindastre e, a continuación, empezaron a picar a base de formigón e ladrillo, onde había unha placa cun escudo da cidade, outra coa inscrición "Melilla, ao comandante da Lexión D. Francisco Franco Bahamonde 1921-1977", e unha terceira cun baixorrelevo en que aparecían uns soldados.

Unha vez que os operarios puideron separar a escultura da súa base, elevaron a estatua co guindastre e depositárona nun camión, onde a cubriron de plástico protector antes do seu traslado. Foi nese momento cando algunha das persoas que contemplaban a escena rompeu a aplaudir, mentres outra gritaba "viva o comandante".

 

Noticias web

23/02/2021