CRTVG

Buscar

Retiran 42 disfraces polo risco de que poidan provocar queimaduras e asfixia

Publicado o 29/10/2019 21:39

Ata 42 produtos relacionados cos disfraces das festas de defuntos contan na actualidade en España cunha orde de retirada do mercado por perigo de queimaduras, asfixia ou estrangulamento. Na lista da rede de alertas de produtos perigosos hai varios modelos de disfraces, máscaras, perrucas ou barbas, entre outros elementos. Seis destas alertas foron detectadas en Galicia. Así o lembran desde as asociacións de consumidores como Facua, que recomenda empregar disfraces fabricados con materiais homologados para poder gozar da festa de xeito seguro. 

As máscaras deben ter orificios de ventilación suficientes para permitir unha respiración axeitada e os tecidos deben ser ignífugos. Son algunhas das medidas de seguridade a ter en conta á hora de mercar ou usar un disfrace. Desde a asociación de consumidores Facua lémbrannos que, no que vai de ano, a rede de alertas en España inclúe 42 produtos perigosos por risco de queimaduras, asfixia ou estrangulamento. Seis alertas foron detectadas en Galicia.

Especial atención requiren os produtos que poidan afectar a saúde, como é o caso das lentes de fantasía que, segundo os especialistas, precisan dos mesmos coidados que calquera outra lente de contacto.

De pallasos diabólicos, esqueletes ou meigas. O importante é gozar da festa de xeito seguro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/10/2019