CRTVG

Buscar

Restricións de mobilidade en Verín, Oímbra e Vilardevós

Publicado o 21/10/2020 14:24

Ademais da zona do Carballiño, un dos lugares que máis preocupa na área sanitaria de Ourense é Verín. O incremento de casos, mantido no tempo, e a elevada idade da poboación levou a decretar o confinamento perimetral. Dende esta medianoite entrar e saír da área formada por Verín, Oímbra e Vilardevós estará prohibido a non ser por causas xustificadas: motivos médicos, laborais ou educativos.

Esta veciña de Chaves ensínanos o xustificante co que poderá entrar en Verín.

"Hai moitos traballadores que veñen de Chaves aquí a traballar. Como eu".

As restricións de mobilidade afectarán a unha poboación de máis de 17.000 persoas.

"Teño familia en Ourense, tería que ir a Ourense, tamén a Santiago e claro si que nos vai afectar, pero podemos ir a Vilardevós e a Oímbra.

"Si xa o sei, pero agora vou facer os recados para non saír xa mañá".

"Eu vivo nunha vila que non ten nada. Temos que vir a comprar a Verín. Supoño que se poderá vir, senón teremos que ir a Xinzo".

En Verín xa están prohibidas as reunións de non conviventes dende hai 15 días e a semana pasada pecharon os bares de xeito voluntario. A actividade na rúa reduciuse considerablemente pero o número de contaxios non descendeu.

Ángel Rodicio, pres. Comerciantes de Verín: "As sinerxías entre hostalería e comercio fixo que a caída fose moi importante. Agora co peche perimetral vaise resentir moito máis".

As forzas de seguridade controlarán as entrada e saídas, aínda que as autoridades fan un chamamento á responsabilidade individual.

"Se ti es responsable e somos todos, non haberá tanto contaxio".

O confinamento perimetral de Verín, Oímbra e Vilardevós únese ao da zona do Carballiño e o do Ourense e Barbadás polo que a metade da poboación da provincia pasará a ter restricións de mobilidade.

Noticias web

21/10/2020