CRTVG

Buscar

Entran en vigor as restricións na provincia de Ourense

Publicado o 08/10/2020 08:29

Primeiras horas en Ourense e Barbadás coas novas restricións. Os 116 mil veciños destes dous concellos non poden saír nin entrar desde esta medianoite salvo causa xustificada. É dicir, por traballo, por estudos ou para ir ao médico. Tamén para retornar á vivenda habitual e para coidar persoas dependentes ou outra situación de necesidade.

Para restrinxir a mobilidade por estrada vanse reforzar os operativos de control da Policía Nacional, a Garda Civil e a Policía Local de Ourense e Barbadás.

Esténdese a Barbadás tamén a prohibición que xa había en Ourense de reunirse en calquera espazo con persoas non conviventes. En ambos os dous concellos terán que pechar o interior dos bares e nas terrazas só poden estar un máximo de cinco persoas por mesa. O sector da hostalaría augura perdas cuantiosas.


Na área sanitaria de Ourense notificáronse nas últimas horas 1.123 casos activos con 70 novos contaxios.

Ademais de en Ourense cidade e Barbadás, as restricións aumentaron en seis comarcas da provincia. O Carballiño e a súa comarca, onde residen 26.000 persoas, pasan directamente ao nivel 2, con limitacións de ocupación ao 50%, e prohíbense as reunións de non conviventes.

As mesmas medidas aplicaranse nos concellos do Barco de Valdeorras e Verín, onde tamén se prohiben as reunións de non conviventes. Ao nivel 2 pasan tamén outras cinco comarcas: Valdeorras, Verín, Allariz, O Ribeiro e a comarca de Ourense cidade, que abrangue concellos como O Pereiro de Aguiar, Esgos ou San Cibrao das Viñas.

As novas restricións afectan unha poboación de 240.000 persoas, o 80 por cento dos habitantes da provincia de Ourense.

Noticias web

08/10/2020