CRTVG

Buscar

Santiago e O Milladoiro estrean hoxe restricións máis duras

Publicado o 22/10/2020 08:30

Santiago e O Milladoiro estrean hoxe restricións máis duras porque os contaxios non se dan atallado nesta área. Restrínxese a vida social: só poderá haber reunións entre conviventes, un máximo de cinco, e non se poderá consumir no interior dos bares.

Pechan os locais de hostalería en Santiago na última noite cunha medidas que xa eran restritivas pero que se endurecen aínda máis, á vista de que a incidencia do coronavirus segue aumentando. Dende hoxe, bares e cafeterías non poden servir no interior. Só nas terrazas, pero á metade da súa capacidade. Aplícaselle esta norma á capital de Galicia e á localidade veciña do Milladoiro.

Nos restaurantes si que se pode consumir dentro, á metade de acollida do local e todos sentados, pero as mesas só as poden compartir persoas que vivan xuntas, cinco como máximo. E é que outra gran restrición nesta área compostelá é a limitación das actividades de carácter social e familiar, en espazos públicos ou privados, só a conviventes.

Outras actividades poden realizarse en grupo de ata cinco non conviventes, como as deportivas, as dos centros cívicos ou as turísticas. Será necesario tamén revisar eventos: congresos, cines, teatros, auditorios... terán unha limitación a trinta persoas nos interiores e as actividades ao aire libre están restrinxidas a un máximo de 75.

Os locais por norma xeral deberán respectar a limitación á metade da súa capacidade. As celebracións relixiosas terán un máximo de 25 asistentes en interiores e 50 ao aire libre. Estas restricións están pensadas para catorce días, pero revisaranse nunha semana segundo a incidencia do virus, que está nos 333 casos por cen mil habitantes nos últimos 14 días. O último gromo en Santiago detectouse entre o persoal de cociña do hospital clínico, onde se confirmaron doce positivos.

Noticias web

22/10/2020