CRTVG

Buscar

Restauración do retablo do Bo Xesús da catedral de Lugo para recuperar as cores orixinais

Publicado o 13/06/2019 14:55

Recuperar as cores orixinais das pinturas e eliminar os restos de fume das candeas. Iso é o que se está a facer na restauración do retablo do Bo Xesús da catedral de Lugo. O obxectivo é que o conxunto artístico estea listo para a ofrenda do antigo reino de Galicia ao Xesús sacramentado, a finais deste mes. Ademais, quérese que o templo gañe en luminosidade e cor.

Vania aplícase en recuperar as cores orixinais dos lenzos do retablo do Bo Xesús, na entrada da catedral de Lugo. É un traballo moi complexo porque primeiro hai que retirar as capas que se foron aplicando co paso do tempo e despois fixar a pintura inicial para que non se desprenda. En principio só se ía facer unha limpeza dos cadros para eliminar os efectos que o fume das candeas causou neles despois de máis de douscentos anos. Pero durante o traballo apareceron figuras que se considerou necesario recuperar para dar valor aos lenzos e facer máis luminosa esta parte da catedral.

Vania Lopez, restauradora: "As figuras orixinais estaban bastante agochadas e para recuperalas é preciso facer unha limpeza profunda e pintar as partes desaparecidas."

Dada a delicadeza dos lenzos, non se poden empregar produtos químicos na restauración e hai que facelo todo cun bisturí e con substancias de orixe animal. Pero esta é só unha das tarefas que a restauradora leva a cabo nesta parte do templo. Antes xa tivo que actuar noutros elementos do retablo para poñer en condicións a madeira ou retirar capas de cal acumulado. Un traballo moi lento pero que non se pode facer doutro xeito. Por iso, Vania prefire traballar de cara ao público e que se coñeza o seu labor.

Vania Lopez, restauradora: "Que a xente vexa o que se fai é importante como informacion e pon en valor o noso traballo."

O retablo do Bo Xesús data de 1804 e nel traballaron artistas recoñecidos na época como o escultor Luis Antonio Ponte, o pintor Plácido Fernández e o construtor de órganos Salazar Cornejo.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/06/2019

Máis sobre lugo