Restablécese a circulación de camións na A-52 ao seu paso pola Gudiña
Os camions arestora circulan con precaucion pero con normalidade pola A-52. Hai bastante neve na zona da Canda e do Padornelo, xusto no límite da provincia de Ourense con Zamora.
Á media mañá a Garda Civil tivo que reter os camións en varias zonas de servizo porque o paso estaba prohibido para estes vehículos. A situación mellorou e nunha hora máis ou menos os camións puideron proseguir ruta.
Neve tamén en Manzaneda, moito vento, e para acceder á estacion de montaña é preciso o uso de cadeas. Neve nas zonas altas e no resto da provincia moita chuvia. En Entrimo foi onde máis choveu de toda Galicia, recolléronse 50 litros por metro cadrado.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil vixía atentamente o río Avia ao seu paso pola comarca do Ribeiro e tamén o Arnoia en Baños de Molgas. Aquí xa se saíu da súa canle e asolagou baixos, a zona baixa do balneario e tamén o parque infantil.
O río Miño ao seu paso por Ourense tamén está moi alto, cobre as termas, e a Policía Local vixía a zona, que xa está acordoada e prohibido o paso.