Responsables económicos da UE urxen a executar canto antes os plans de recuperación

Os responsables económicos dos gobernos español, francés, alemán e italiano uníronse este mércores para avanzar que xa enviaron os seus plans de recuperación a Bruxelas e urxir o resto de Estados e a Comisión Europea a traballaren para que se implementen canto antes.
Esta petición materializouse nunha declaración conxunta telemática da vicepresidenta segunda e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital Nadia Calviño, o vicechanceler alemán e ministro de Finanzas Olaf Scholz, o ministro francés de Economía e Finanzas Bruno Lle Maire e o ministro italiano de Economía e Finanzas Daniele Franco.
As catro grandes economías da Unión xa enviaron os seus plans de recuperación a Bruxelas e animaron o resto de países a remitiren os seus canto antes e a Comisión Europea a dar pronto o seu visto e prace para que os fondos empecen a chegar e se poidan implementar as medidas canto antes. O prazo orientativo para remitir os plans termina o 30 de abril, e, a partir de aí, a Comisión Europea terá que revisalos e dar o seu aval antes de que empecen a chegar os recursos.