CRTVG

Buscar

Rescate laborioso dun can nos cantís de Dexo

Publicado o 16/05/2019 14:04

O can estaba no fondo dun dos cantís de Dexo, en Oleiros, esfameado, polo que se sospeita que levaba varios días nun lugar do que non daba saído. Un equipo do Servizo Municipal de Urxencias traballou para izalo cando recibiu a primeira alerta o martes á tarde. A noite obrigounos a aprazar o rescate ao mércores.

"Dous compañeiros do servizo de urxencias montaron todo o equipo de altura ata chegar ao can, de raza pastor alemán que se mostraba bastante agresivo. Non se deixaba coller e iso foi o que realmente complicou a situación e onde botamos todo o día; desde as doce da mañá ata as oito da tarde para suxeitar o can e levalo a zona segura, enriba", di Juan Suárez Vilas, coordinador do Servizo de Urxencias do concello de Oleiros.

Todo apunta a que o animal estaba abandonado, sen colar e presumiblemente, sen chip. O servizo de urxencias de Oleiros efectuou máis rescates dese tipo.

"O ano pasado foron cinco casos de cans que os levan de paseo por esta zona en que hai vexetación baixa e o terreo non é firme e os cans, cando botan a correr, ás veces caen polo cantil", asegura Suárez Vilas.

Lembra o coordinador de urxencias que para iso é preciso despregar o mesmo dispositivo que se houbera que facer o rescate en altura dunha persoa e piden que quen pasee o can por zonas deste tipo o leve suxeito.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/05/2019