CRTVG

Buscar

Unha soa supervivente e medio cento de inmigrantes mortos na ruta ás Canarias

Publicado o 20/08/2021 09:31
Unha soa supervivente e medio cento de inmigrantes mortos na ruta ás Canarias

EFE

EFE

O testemuño ofrecido á policía ao chegar a terra pola única sobrevivente do naufraxio dunha pneumática na ruta migratoria cara ás Canarias, unha muller da Costa do Marfil, eleva a 52 o número de vítimas desa traxedia, segundo informaron a Efe fontes oficiais.

Durante o voo que a evacuaba a Gran Canaria, aínda aparvada polo trauma que vivira, e moi débil, a sobrevivente contou aos rescatadores do helicóptero de Salvamento Marítimo que eran "uns 40" na pneumática. Mentres recibía as primeiras asistencias médicas, xa con intérprete, precisou que saíron "de Marrocos" un total de 53 persoas e que levaban unha semana no mar.

Eses datos e o tipo de embarcación coinciden cunha das últimas alertas facilitadas polo colectivo Camiñando Fronteiras ás autoridades españolas, sobre a saída cara a Fuerteventura o 12 de agosto desde O Aiún (Sáhara) dunha pneumática con 53 persoas a bordo, das que non se tiñan noticias ata este momento. Se se confirmase que se trata desa mesma pneumática, no naufraxio morrerían 35 homes, 16 mulleres e un menor, de acordo coas cifras que manexa Camiñando Fronteiras sobre esa embarcación, que onte cumpría o seu sétimo día no mar.

Sobre os restos da zódiac, ademais da sobrevivente, o helicóptero de Salvamento Marítimo puido recuperar os cadáveres de dúas persoas: un home duns 17 anos e unha muller duns 20, con aspecto de estar embarazada, de acordo a primeira impresión médica, aínda que ese detalle deberá ratificalo a autopsia. 

Noticias web

20/08/2021