CRTVG

Buscar

Rescatan un pescador illado nunha zona de cantís en Muxía

Publicado o 03/06/2019 14:07

Axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil de Muxía rescatan un pescador afeccionado. Na mesma zona rochosa e de difícil acceso feriuse un percebeiro hai uns días.

Este lugar de Muxía coñecido como punta Buitra é unha das zonas de traballo dos percebeiros. E tamén un dos sitios elixidos por moitos pescadores afeccionados para botar a cana as fins de semana. Un deles, veciño de Santa Comba de corenta anos, pasou un bo apuro este domingo. 

Ramón Pérez Barrientos, coordinador de Protección Civil de Muxía: "O home quedou illado nunha rocha porque a marea subiu e el non se decatou. Púxose nervioso. Nós estamos de garda as 24 horas e tan pronto nos chamaron saímos para alá cun equipo".

O 112 alertou a Protección Civil de Muxía contra as tres da tarde. Salvamento Marítimo tamén desprazou un helicóptero Helimer pero finalmente non chegou a intervir porque conseguiron subilo desde terra entre os axentes da Policía Local e os voluntarios de Protección Civil. 

Ramón Pérez Barrientos, coordinador de Protección Civil de Muxía: "Nós desde terra collémolo cos cabos e subímolo para arriba e puxémolo a salvo. A zona é moi perigosa e custou traballo. Neses cantís hai poucos días que caeu un percebeiro e rompeu unha perna. O home estaba nervioso e canso. Ao subilo polo acantilado para arriba danouse un pouco nas mans e nos pés, cuns cortes. Pero non lle pasou nada".

Desta volta, o suceso quedou nun susto, pero en plena Costa da Morte calquera descoido pode pagarse coa vida. Desde Protección Civil de Muxía fan un chamamento sobre todo aos pescadores afeccionados que frecuentan a zona para que extremen a precaución e estean sempre moi pendentes das mareas e do estado do mar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/06/2019