CRTVG

Buscar

Rescatan un peregrino nun cantil de Muxía

Publicado o 01/08/2019 14:08

Rescatan un peregrino que se atopaba atrapado nunha zona rochosa de Muxía. O home accedeu á zona andando pero viuse incapacitado para saír de alí. O home, de nacionalidade francesa, rexeitou recibir asistencia médica. Dixo que chegara alí seguindo o mapa do teléfono porque quería ver unha furna. 

O rescate dun home nunha zona rochosa do litoral muxián obrigou a mobilizar aos medios de emerxencias do 112, tanto por terra como por mar e aire. O aviso produciuse na contorna coñecida como a furna do Andaluz. O home, un peregrino de nacionalidade francesa e duns 40 anos de idade, camiñaba polo litoral. Todo apunta a que se despistou, se desorientó e foi parar a un cantil moi perigoso de difícil acceso. Ante as difcitulades para regresar ao camiño principal, o propio afectado alertou da súa situación ao 112, que ordenou un amplo dispositivo, no que participaron equipos de Salvamento Marítimo e Protección Civil de Muxía.

Ramon Pérez Barrientos, coordinador de Protección Civil de Muxía: "Baixara polo monte e non sabía onde se atopaba. Debía ser polo Google que lle daba a Furna do Al-Andalus, que é alí fronte ao Corpiño de Chorente e puxémonos en contacto con Salvamento Marítimo. Entón alí a zona para sacalo co Salvamar non se podía porque era alí mesmo nas rochas. El o que tiña máis ben é que non era capaz de subir polo cantil cara arriba. Nós dende aquí fixemos un dispositivo collemos a nosa lancha pneumática e fumos catro persoas alí e xa o rescatamos por mar".

Trasladárono ao porto deportivo de Muxía. Non é a primeira vez na que un peregrino acaba pidindo axuda e o rescatan os servizos de emerxencias. Case todos adoitan dicir que se perderon polas supostas deficiencias na sinalización do roteiro.

Ramon Pérez Barrientos, coordinador de Protección Civil de Muxía: "É un monte que por aí non pasa, o camiño pasa como a un quilómetro máis para alá. O paisano desviouse por iniciativa propia non é que se confundira nin nada. Veñen experimentando e baixou polo cantil porque quixo non porque se confundira de camiño. Ademais, non hai roteiro nin hai nada, é monte puro e duro".

O 112 avisou tamén o helicóptero de rescate Helimer e os bombeiros de Cee, aínda que non foi necesaria a súa intervención.

Noticias web

01/08/2019