CRTVG

Buscar

Un home perde a vida e a súa filla resulta ferida grave tras caer co coche ao mar en Muros

Publicado o 17/02/2017 21:45

O falecido é un home de 76 anos. A súa filla, duns 50, tivo que ser trasladada ao CHUS. Ambos son veciños do concello de Carnota

En Muros, os seus veciños seguen preguntándose como se puido producir o accidente en que faleceu un home que caeu ao mar no coche onde ía coa súa filla.

O sinistro produciuse contra as dez da mañá. O falecido e a súa filla subiron ao coche e a muller, que era quen conducía, arrancou o vehículo. Sen saber como, levou por diante a varanda e caeron ao mar.

Uns mergulladores dun buque dos Gardacostas conseguiron sacalos do fondo do mar. No peirao trataron de reanimalos, pero o home faleceu. A filla, foi trasladada ao hospital Clínico de Santiago en estado moi grave.

Ocorreu na explanada do porto de Muros, zona habitual de aparcadoiro. Pasaban uns minutos das dez da mañá, cando un veciño dá a voz de alarma. Un coche acaba de levar por diante a varanda e caeu á auga.

Os dous ocupantes do coche son pai e filla. Era a muller quen conducía. Hai poucos meses que tiña o carné de conducir, e segundo parece o coche era automático. Uns mergulladores do buque Ría de Vigo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, quen a súa base en Muros acudiron de contado na súa axuda e conseguriron rescatalos. No peirao os sanitarios trataron de reanimalos durante un bo cacho. Á muller conseguiron estabilizala para trasladala en helicóptero ao hospital, pero no caso do seu pai non foi posible e faleceu alí mesmo.

O falecido, de 76 anos, e a súa filla, duns 50, son veciños do concello de Carnota. Outra das fillas do home rexenta un bar na Pescadería Vella de Muros, a pouca distancia de onde se produciu o suceso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/02/2017