CRTVG

Buscar

Rescatan dous bombeiros que buscaban unha desaparecida no Miño

Publicado o 07/01/2021 14:03

En Ourense, continúa a busca dunha muller que o sábado se tirou, aparentemente, ao río Miño, tras deixar as súas pertenzas na presa de Velle. Dous bombeiros que participaban no operativo tiveron que ser rescatados tras quedaren atrapados nun illote no medio do río, por mor da forte corrente.

Os equipos de emerxencias regresaban, coa luz do día, ao mesmo lugar onde onte á noite rescataron os dous bombeiros que quedaron atrapados entre a maleza do río. Remontaban o Miño na procura da muller desaparecida o sábado pasado cando unha avaría na lancha os deixou sen motor.

José Benito Álvarez, oficial dos bombeiros de Ourense: "Fallou o motor da embarcación e quedaron á deriva. Intentaron ir cara á beira, pero quedaron nun illote".

Estiveron tres horas no medio do río, a temperaturas que non superaron os 4 graos. Intentaron sacalos con cordas, e mesmo se barallou mobilizar un helicóptero de rescate, pero, finalmente, foron os socorristas de Protección Civil, nunha moto acuática, os que os sacaron de alí, ilesos.

Ramón Vila, rescatador de Protección Civil: "Todo rescate acuático é complicado, e con nocturnidade aínda máis. Non é como un mar aberto, que podes divisar, non hai obstáculos. Aquí pode haber pólas, pedras... de todo".

Cun caudal de 500 metros cúbicos por segundo, a forza do río foi outro obstáculo para os rescatadores. O mesmo que hoxe lles impediu sacar o motor da lancha. A embarcación quedou inservible.

José Luis Currás, cabo dos bombeiros de Ourense: "Intentamos rescatar o que hai de valor, pero o río leva moito caudal e unha manobra de tracción, con tirolina, presenta a dificultade de que, se non pega na auga, a forza de arrastre sería moitísima".

Mentres, continúa a busca da muller desaparecida, de 48 anos. Estendeuse ata o encoro de Castrelo de Miño, a uns quince quilómetros do lugar onde supostamente se tirou ao río.

Noticias web

07/01/2021