Rescatan da súa casa en lapas unha parella en Friol
Totalmente arrasado. Así quedou o interior dunha vivenda do lugar de Cima de Vila, en Friol, despois do incendio que se produciu de madrugada. Os habitantes do inmoble, un matrimonio de octoxenarios, tiveron que ser rescatados polos axentes da Garda Civil da terraza da casa. Ambos os dous foron trasladados ao hospital Lucus Augusti, se ben o seu estado non revestía gravidade, segundo os veciños, e estaban conscientes e sen feridas visibles.
As lapas espalláronse con moita facilidade porque toda a estrutura da vivenda, que era de madeira e ardeu con rapidez. Foron os veciños os que se decataron do que estaba a acontecer e os que deron alerta ao 112 e acudiron a prestar a primeira axuda.
"El está algo mal. Non quería saír, pero os veciños e a Garda Civil puidéronos sacar aos dous cunha escaleira. Eu tiña moito medo de que ardesen dentro". "Non quedou nada. Eu pensei que era o ruído dunha vaca, pero resultou que era o que era".
Os bombeiros de Vilalba, desprazados ata o lugar, traballaron toda a noite para extinguir as lapas e para evitar que chegasen aos inmobles lindeiros. Nos labores de extinción tamén colaboraron efectivos de Protección Civil de Friol e numerosos veciños que acudiron con mantas e auga para botar unha man. Segundo contaron, a muller puido levar o home ata o patio, onde foron rescatados. Para poder acceder ao inmoble foi preciso romper a porta metálica coa pa deste tractor dun veciño.
"Cando cheguei, estaban os gardas. Pediron unha escaleira e sacaron os señores. E logo romperon o portalón para poder pasar os bombeiros".
O Concello de Friol informou os veciños de que se vai poñer á disposición dos octoxenarios unha vivenda mentres se repara a súa. A Garda Civil xa investiga as causas polas que se produciu o lume.