Rescatados dous socorristas na praia de Combouzas, en Arteixo
Dous socorristas tiveron que ser rescatados cando facían prácticas na praia de Combouzas, en Arteixo. Os rapaces víronse sorprendidos polo mal estado do mar. De feito, no momento do suceso a boia de Punta Langosteira chegou a marcar unha altura de onda de oito metros.
O suceso ocorreu cando os dous socorristas estaban a realizar unha práctica a uns catrocentos metros da beira. Foi nesta praia de Combouzas, no concello de Arteixo, onde habitualmente hai moitas ondas, polo que os socorristas están acostumados a traballar en situacións difíciles. Pero onte, no momento do incidente, contra as dúas da tarde, había moito mar.
Iván Vicente, coordinador de Salvamento de Arteixo: "Pois na transición do comezo da práctica ao final da práctica houbo un pico de mar. Xa estaba o mar bastante grande, daba 3-4 metros de onda, pero nese instante subiu moito máis. A boia de Punta Langosteira acabou dando 8 metros. Nesa transición, os rapaces non tiveron ningún problema, pero non daban saído, a cousa estaba complicada".
Foron os propios compañeiros cunha embarcación pneumática os que conseguiron, non sen complicacións, sacalos da auga. Os dous socorristas están sans e salvos.
Iván Vicente, coordinador de Salvamento de Arteixo: "Foi difícil, foi difícil, porque falando dese nivel de mar cunha embarcación como a que temos nós, mando popero, quero dicir, non é un barco nin unha moto de auga, que ten máis rapidez, pois ten as súas complicacións, pero grazas á profesionalidade dos rapaces da embarcación puidemos sacar adiante o salvamento".
A embarcación de Salvamento Marítimo e o Helimer 401 xa estaban preparados para colaborar no rescate, pero xa non foi necesaria a súa intervención.