CRTVG

Buscar

Requisados 10 quilómetros de redes e 330 quilos de pescado ilegal nos últimos días en Galicia

Publicado o 23/06/2020 12:42
Requisados 10 quilómetros de redes e 330 quilos de pescado ilegal nos últimos días en Galicia

Axentes do Servizo de Guardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisou 10 quilómetros de redes, case medio milleiro de nasas e máis de 330 quilos de peixe e marisco en controis realizados nos últimos días no litoral de Galicia.

A ría de Arousa foi a zona que rexistrou máis incautacións, con preto de 450 nasas para a captura de distintas especies e algo máis de 80 quilos de peixe e marisco comisado, que foron case na súa totalidade devoltos ao mar, segundo informou a Xunta de Galicia.

Na ría de Camariñas, os axentes incautaronse de máis de 6.700 metros de redes e 70 quilos de distintas especies, e na de Muros e Noia comisaron máis de 2.200 metros de redes, 21 nasas e 22 quilos de peixe e marisco, que tamén foron devoltos ao mar.

Na ría de Pontevedra comisaron 450 metros de redes e máis de 90 quilos de produtos do mar, mentres que na ría de Vigo requisaron 10 nasas sen identificar e 34 quilos de peixes e mariscos, que foron devoltos ao mar.

A Consellería do Mar recorda que o consumo de produtos do mar extraídos e comercializados de xeito irregular pode supoñer un risco para a saúde ao non pasar ningún tipo de control que o avale, polo que pediu aos consumidores que non compren produto fóra das canles legais de comercialización.