CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía FDS

Aumentan os casos de sida entre xente nova e homosexuais

Publicado o 01/12/2013 14:43


Os lazos vermellos lembran hoxe, coma cada 1 de decembro, aqueles que marcharon vítimas da sida pero tamén son un recordatorio de que a síndrome segue activa.

A directora do Comité Antisida da Coruña, Sonia García Valbuena, celebra que a nivel calidade de vida hai moito que celebrar pero lamenta que, a nivel prevención, hai moi pouco, xa que os índices de transmisión están sendo ascendentes por vía sexual, sobre todo, no colectivo homosexual.

Tamén hai un repunte nos heterosexuais, sobre todo, na xente nova. Un de cada cinco casos novos é un mozo de entre 19 e 25 anos, contaxiado por vía sexual. Fáltalles o medo co que se viviu nos 90, cando a sida era sinónimo de morte.
Nos comités antisida ofrecen a posibilidade das probas rápidas, cunha mostra de cuspe que dá unha resposta fiable en quince minutos. Gratuíta e confidencial.

Sonia García Valbuena explica que o enfermo que chega ao hospital en fase sida, ten unha calidade de vida peor e tamén máis posiblidades de ter desenvolvidas enfermidades asociadas.

A crise aliouse contra os seropositivos, especialmente contra os colectivos marxinais.

O presidente do Comité Antisida de Ourense, Xesús Álvarez, denuncia que nos últimos 5 ou 6 anos, os colectivos que traballan cos seropositivos perderon boa parte dos recursos, sobre todo, os que ían destinados á poboación marxinal. Asegura que a casa de acollida de Ourense está funcionando co 60% menos das axudas que tiña, e que a de Vigo xa pechou, situación similar á doutras cidades galegas.

Denuncian que, malios avances, os seropositivos seguen estigmatizados, especialmente no ámbito laboral.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí